letras galegas

CRONOLOXÍA

1962
Nace o 4 de marzo. Inscríbese o seu nacemento na Granxa Barreiros, en Ortoá, Sarria (Lugo) onde era mestre de primaria seu pai e encargada do comedor escolar a súa nai. Era a primoxénita de Amparo Castaño e Valentín Arias. Foi inscrita no Rexistro Civil de Sarria co nome de María de los Ángeles
1965
A familia trasládase a Lugo ao pasar seu pai a traballar na Granxa Arxeriz.
1966
Ingresa no colexio Fingoi, en Lugo, onde vai cursar infantil (1966-67 e 1967-68) e primeiro de primaria (1968-69).
1969
Valentín é destinado como mestre na Escola Nacional Graduada de Sárdoma, en Moledo (Vigo) e a familia pasa a vivir en Vigo. Neste centro Xela completará o ensino primaria, que rematará no curso 1975-76.
1972
Escribe o relato A pobreza e a negrura da aldea.
1973
Ilustra un conto no xornal coruñés La Voz de Galicia. Gaña o Primeiro Premio do VI Concurso de Contos Infantis O Facho, da Coruña, co conto titulado A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia.
1976
Ingresa no Instituto Castelao, de Vigo. Cursa o bacharelato (1976-77 e 1978-79). Renuncia a examinarse do Curso de Orientación Universitaria (1979-80).
1980
Entra a traballar de administrativa en Edición Xerais de Galicia, polos seus coñecementos do galego escrito e falado.
1982
En Edicións Xerais pasa a traballar no Departamento Editorial na sección de Creación e Investigación. Publica «Poemas de Xela Arias», no xornal A Nosa Terra, de Vigo.
1983
Participa por vez primeira no III Festival da Poesía no Condado, en Salvaterra do Miño (Pontevedra).
1984
Cambia o seu nome, María de los Ángeles, polo seu equivalente en galego: María dos Anxos. Non consegue que lle sexa recoñecido o de Xela
1985
Propón a edición de O gato Malhado e a andoriña Señá: Unha Historia de Amor, do brasileiro Jorge Amado.
1986
Ingresa na Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publícase por Edicións Xerais de Galicia O Gato Gaiado e a Andoriña Señá: Unha Historia de Amor, de Jorge Amado e coa tradución de Xela Arias. Edítase o seu poemario Denuncia do equilibrio. Edítase pola Editorial Juventud, de Barcelona Contos ao teléfono, de Gianni Rodari, coa tradución de Xela en colaboración con Valentín Arias
1987
Outórgaselle o «Premio de Traduçao Sociedade de Lingua Portuguesa» en Lisboa. Edítase por Edicións Xerais de Galicia, na colección Xabarin, O bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez, coa tradución de Xela Arias.
1988
Inscríbese en Greenpeace.
1989
Publicación por Xerais de As bruxas, de Roald Dahl, traducido ao galego por Xela Arias e Lidia Iglesias Izquierdo.
1990
Publicación dun novo libro de poesía, Tigres coma cabalos, con fotos de Xulio Xil Rodríguez e editado por Xerais
Edición de Dublineses, de Joyce, coa tradución de Xela Arias, Débora Ramonde e Rafael Ferradás en Xerais de Galicia. Publica o conto Que si que si, no libro Contos eróticos/Ela. Edicións Xerais de Galicia, na colección Grandes do noso tempo. Publicación dos cinco primeiros volumes da serie Franka, de Kuijpers, banda deseñada traducida por Xela e Mª Xesús Lameiro, en Edicións Xerais de Galicia. Edítase O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha, de Miguel de Cervantes, tradución ao galego de Xela, Valentín Arias, Xavier Senín, A. Palacio, Xosefa S. Fernández e Xesús Senín e publicado por Xuntanza Editorial de A Coruña.
1991
Comeza os estudos de Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo.
1992
Casa con Xulio Xil Rodríguez.
1993
Edítase por Xerais de Galicia, na súa colección Xabarín, O derradeiro dos mohicanos de Fenimore Cooper, con tradución de Xela Arias
1994
Nace o seu fillo Darío. Gaña o premio de tradución Ramón Cabanillas, compartido con Darío X. Cabana, por O derradeiro dos mohicanos.
1995
Cambio oficial de nome. A partir de agora o seu nome será Xela. Pasa a formar parte do Consello de Redacción da Revista Galega de Tradución Viceversa.
1996
Licénciase en Filoloxía Hispánica, pola Universidade de Santiago de Compostela. Edítase en Xerais de Galicia o seu libro Darío a diario, que dedica ao seu fillo.
1997
Obtén o Certificado de Aptitude Pedagóxica para o Bacharelato, pola Universidade de Santiago de Compostela, requisito necesario para dar clases en institutos.
1998
Traduce ao galego un poema de Valle Inclán, Rosa hiperbólica.
1999
Edítase por Xerais de Galicia, na colección Xabarín, Drácula, de Stoker, coa introdución e tradución ao galego de Xela Arias. Traballa como profesora substituta de Lingua castelá e Literatura nos IES de Terra de Xallas, en Santa Comba (A Coruña), Paralaio, en Moaña (Pontevedra), Valle Inclán, de Pontevedra, Xelmirez II de Santiago e Valadares II, de Vigo
2000
Participa no programa Os Nosos Escritores, que organiza a Xunta de Galicia en diferentes localidades galegas: Vilanova de Arousa, Verín, A Rúa... É destinada como profesora de Lingua castelá e Literatura ao IES de Chapela, en Redondela (Pontevedra).
2001
Edicións Xerais de Galicia publica Venus Negra, de Ángela Carter, versionada ao galego por Xela e Xabier Muguerza. No curso 2001-02 imparte clases da súa especialidade no IES A Sangriña da Guarda (Pontevedra).
2002
Durante o curso 2002-03 dá clases de Lingua Castelá e Literatura no IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo. A Biblioteca Virtual, da Asociación de Tradutores Galegos publica Relatos, de Gloria Pampillo traducido por Xela Arias.
2003
Espiral Maior, da Coruña edita Intempériome, o que vai ser o último libro de poemas de Xela Arias. En outubro é destinada ao IES Monte Carrasco, de Cangas (Pontevedra).
O un de novembro falece dun ataque ao corazón nun hospital de Vigo. Entérrase no cemiterio de Pereiró, en Vigo