OS SERES VIVOS DA TERRA


A QUEIROA
Nome común: Queiroa, queiroga, queiroga de cruz, uz de monte. Nome científico: Calluna vulgaris.
Características: É unha especie fanerógama, do xénero Calluna pertencente á familia das ericáceas. É un subarbusto de 20-50 cm. de altura que presenta gran cantidade de pólas erguidas de cor marrón avermelladas, con follas miúdas e moi numerosas, con flores cativas de cor malva que forman un acio terminal.
-Reprodución: Florece a finais da primavera, no verán ata o outono. O froito é unha cápsula redondeada con peluxes que contén numerosas sementes. Ábrese en 4 valvas. As sementes son ovais, de cor rubia.
-Distribución: É natural de Europa, norte de África e América, moi difundido en terreos estériles e acedos como turbeiras e brañas. É unha planta que mora en matogueiras e landas. Medra en solos acidófilos, non calcarios e asollados. É frecuente atopala nas clareiras das fragas e tamén en zonas opacas. Pódese localizar dende o nivel do mar deica os 2600 metros pero é máis abondosa nas zonas montañosas. A presenza desta planta nun bosque amosa un grande empobrecemento do solo.
-Hábitat: É un dos matos máis frecuentes de Galicia. Grazas aos seus amplos marxes de tolerancia aparece por todo o territorio, dende o nivel do mar ata as máis altas montañas. Forma parte dos matos con toxos e uces. Desenvólvese sobre solos acedos (silíceos) pobres, de espesor xeralmente menor de 50cm e humidade variábel. A miúdo forman extensas manchas sobre solos empobrecidos. As formacións denomínanse uceiras, brexeiras, urceiras ou uzais.
-Cultivo: Para cultivar esta uz cómpre dispor de espazos asollados e pouca auga. É conveniente que ao empezar e ao finalizar a época de crecemento (principio de primavera e final de verán), se engada un pouco de adubo orgánico. Tamén pode verse afectada por fungos co exceso de humidade. A floración vai dende primeiros de xullo (na alta montaña) ata xa entrado o outono (nas terras baixas). A queiroa úsase moito na xardinería como planta ornamental.
-Propiedades: . Contén os compostos fenólicos: ácido cloroxénico, 3-O-glicósido, 3-O-galactosido e 3-O-arabinósido. . Adstrinxente e antiséptico intestinal polos seus taninos. . Diurética e antiséptica das vías urinarias. . Utilizada en homeopatía para o tratamento de afeccións renais. . Posúe acción sedante sobre o sistema nervioso.

Web feita polo alumno: Sergio Ventureira Fidalgo