Os tardígrados, chamados coloquialmente osos de auga, son animais pluricelulares e invertebrados que presentan unhas características moi peculiares. Habitan en todas as partes do mundo, aínda que se atopan maiormente en plantas como musgos ou en ambientes mariños. Fisicamente, os individuos máis grandes poden verse a simple vista, aínda que a maioría son microscópicos; e presentan unha estrutura semellante á dun oso con oito patas.
A súa particularidade é a resistencia que presentan ante situacións extremas. Cando se dan condicións imposibles para a vida, estes animais entran en estado de criptobiosis, no que paralizan os seus procesos metabólicos, o que se pode considerar como unha “morte temporal”, ata que as condicións volvan á normalidade. Neste estado, os osos de auga poden sobrevivir a temperaturas de -200ºC a 150ºC, conxelados, sen auga e sen osíxeno por un longo tempo, en moitos químicos nocivos, baixo o baleiro espacial ou mesmo baixo alucinantes niveis de raios X. Estas habilidades permítenlles afrontar sen problemas o proceso de selección natural, o que lles facilitou vivir na Terra dende hai 541 millóns de anos. Cabe destacar que o antecesor dos tardígrados é o mesmo que o dos artrópodos, pero os primeiros adaptáronse moi eficazmente a esta gran variedade de situacións para así incrementar as súas posibilidades de manterse con vida. Sendo así, é normal pensar que estes seres son inmortais; pero realmente non o son, xa que hai experimentos que así o confirman. De feito, se estes animais non se atopan en estado de criptobiosis, está demostrado que non soportan temperaturas elevadas por un tempo prolongado, polo que o quecemento global podería afectarlles considerablemente; aínda que tamén se cree que poderían adaptarse novamente a esta situación. Todas estas poderosas facetas tamén poden beneficiar ao ámbito da medicina, por exemplo, para mellorar a resistencia ao estrés das células humanas dos pacientes sometidos a radioterapias.
En xeral, os osos de auga, quenes se consideran como “tesouros xenéticos”, teñen unhas características moi particulares e beneficiosas cuxa investigación supuxo e suporá grandes efectos e avances na ciencia.