De libros ...

Sempre contigo

Contos de primavera
Yanira Ahedo Blanco. Alumna 4º ESO. 2022


Non o ía negar. Ela sempre considerárase unha rapaza con sorte. Mais, aínda así, a sorte non sempre é capaz de facerte sentir unha persoa completa. Para ela sentirse completa non era recibir sinceros sorrisos, nin cumpridos dos seus familiares, que, por certo, lle eran tan necesarios. Ela sentíase completa cando pasaba tempo camiñando sosegadamente por eses paseos íntimos, vendo os cruceiros e sentindo o mar. Día tras día. Ela soa, aínda que ninguén se vaia crer que non tiña amigos e amigas, poucos si, pero ter tíñaos.


Tiña sorte de contar cunha insubstituíble compañía secreta e que só ela era capaz de percibir. Camiñaba incluso os días de vento, coa brisa e bágoas do mar acariciando o seu miúdo rostro e murmurándolle novas e contos extravagantes que lle facían rir; esquecéndose así por uns momentos das lembranzas que quería pechar e enterrar ben fondo.
Camiñaba tamén os días tranquilos, onde só se escoitaban os incomprensibles queixumes afogados do mar rumoreando que a botara moito de menos cando ela estaba ausente. Era unha estraña sensación, coma se alguén camiñase da man con ela, alguén descoñecido, mais que envolvía a todo o seu ser e que era capaz de comprendela máis que todo o demais que lle rodeaba.
Os seus sentimentos mesturábanse como se mesturaba a auga do océano coa costa ao bater bravamente contra as rochas ben bravas e pulidas, resistindo, sempre resistindo. O día previo da revelación tan esperada, atopábase chea de ledicia, apreciando cada detalle da vella e fermosa paisaxe. Non pasaba ningún vehículo ao seu carón nin ningunha persoa, estaba soa unha vez máis. Estaba soamente soa. Ela e máis a súa prezada terra e o seu admirado mar, que tanto amaba. Hoxe, en cambio, aínda que a situación era a mesma ela notaba que algo ía pasar.


- Outra vez che dixeron algo que te resultou molesto? -unha corrente de vento fresco semellou murmurarlle docemente, para que só ela puidese escoitar.
- Non…
- Xa afastara a vista do mar e, cun xesto triste e aceno esganado, baixou a mirada.
- Os teus pais rifáronte?
-Non…
- Entón, dóeche algo?
- Non…
- e miraba ao infinito océano Atlántico que se abría diante dela.
- Eu…
Contemplou as valentes e audaces ondas marítimas que lle daban vida á toda a costa. As ondas son o motor da eternidade; do pasado e do futuro. Son o noso corazón. O ritmo da ondada diminuíu e o mar deu un respiro duns segundos como para escoitala. Despois, ela suspirou.
- Eu...eu... creo que estou namorada.
- As ondas incrédulas volveron a ruxir e ela comezou a dar pasos curtos.
- Namorada! De quen?
- Non o sei…
Unha xélida brisa fixo que ela se estremecese, sinal para que as ondas se tornaran menos violentas. Non dixo palabra e seguiu co seu diario e matutino paseo repetindo para si “de quen?”
Pasaban os días e a pregunta seguíase repetindo: «Namorada? Namorada de quen?».
Era un novo día escuro e salpicaban pingas de auga salgada que batían contra a costa. Hoxe o mar tamén estaba triste, levaba tempo preocupándose por ela, polo seu desacougo e intentando consolala, sen éxito. Dalgunha forma, os seus corazóns estaban unidos.
- Namorada... De quen? -O vento tratou de consolala unha vez máis da única forma que sabía, batendo nela, arrolándoa.
- Creo que xa o sei… dixo un día inesperado,un día como tantos. Non entendo como non me decatei antes, dicíase a si mesma.
- Namorada de quen? -O mar espertaba e esperaba a resposta tan desexada.
- Eu agora sei que en realidade o único capaz de darme sosego e motivación, de facerme sentir tantas cousas: melancolía, ledicia, morriña, sosego, agarimo, compaña, entusiasmo,... é... a miña terra. Eu estou namorada da terra, do mar, dos cruceiros, da brétema, do orballo, dos piñeiros, da brisa mariñeira,do toxo salvaxe, do fiúncho, das vellas montañas, do meigallo do bosque, dos prados de cores, das fontes... Eu estou namorada da miña e da nosa terra. Eu… Cada vez que me afasto e deixo de escoitar os seus latexos é coma se o meu espírito vivo fose deixar de existir e só agardase regresar para volver sentirme viva.


Eu non querería marchar nunca, afastarme. Ti es a miña historia. Desde fai moitos anos, desde sempre, estiven contigo. Sempre soño coas túas ondas e lamentos que leva o teu vento, fanme sentir parte de ti. Sempre estiveches para min e para todos, a miña, a nosa Costa da Morte! Algúns marchan e todos marcharán algún día e as túas augas sempre seguirán vivas, lembrándonos a todos nós. Quero estar contigo sempre, e dóeme ter que marchar, non me queda outra, mais a túa alma permanecerá en min para sempre, eternamente ; porque ti, Costa da Morte, aínda que eu mais ben diría Costa da vida, ti, ti es a eternidade.
Comeza a chover, choro desesperado e maino que se mestura co mar. Ela, coa mirada cravada no inmenso e libre océano, continuou camiñando.
Camiñaba, acompañada do seu vento e do seu mar outro día máis. Camiñaba, unha vez máis, xunto ao Faro do Roncudo. Dicíndolle adeus pero sabendo no seus adentros, que, en terra allea, a súa alma estaría por sempre xamais preñada da súa terra, da súa Costa da morte.